Vida e Ría na multitudinaria manifestación contra o extractivismo

Varias das entidades promotoras de Vida e Ría estiveron presentes na multitudinaria manifestación contra o extractivismo e a Lei de Depredación aprobada a semana pasada no Parlamento de Galicia, protestando pola deixadez da administración ante o problema ambiental da mina de San Finx, en Lousame. Máis de 10.000 persoas, incluindo as plataformas e asociacións veciñais contra os proxectos mineiros de Touro, Triacastela, Terra Chá, Xanceda e Corcoesto, entre outros, berraron en Santiago este 22 de outubro contra unha lei que elimina garantías e trámites ambientais e deixa as poboacións afectadas ao antollo da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

“Feijóo dimisión, Tahoces a prisión”, en relación ás actuacións do actual Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, foi unha das proclamas máis coreadas, como recolleron numerosos medios de comunicación presentes (La Sexta, El País, Sermos, Público, Galicia Confidencial, etc). Tamén no manifesto final se fixo fincapé en como detrás de moitos lumes se encontran intereses mineiros e eólicos, que buscan reactivar nos dous próximos anos a Lei de Depredación, cunha política de “terra queimada” á que agora dá cobertura o propio departamento de minas.