Vida e Ría na concentración contra a Lei de Depredación no Parlamento

Este venres 6 de outubro Vida e Ría estivo representada na concentración contra a proposta de Lei de Depredación de Galicia que está a ser tramitada no Parlamento galego. Durante a concentración, na que estaban presentes por súa veces membros das máis de 20 entidades que forman a plataforma contra esta lei, Vida e Ría repartiu material informativo sobre o problema ambiental da Mina de San Finx e recolléronse asinaturas contra a solicitude de autorización de verteduras que solicitou a concesionaria mineira.

Desde varios colectivos presentes salientouse como a situación actual da Mina de San Finx ilustra os obxectivos da nova lei, coa cal o actual trámite de autorización de verteduras e información pública nunca chegaría a ter lugar, de modo que a xente da Ría non chegaríamos a ter coñecemento nin da natureza das verteduras con altas concentracións de metais pesados nin do modo no que serían feitas. Pola contra, sería a propia Dirección Xeral de Enerxía e Minas a que tería dado vía libre ás verteduras, relegando o papel de Augas de Galicia.

Desde Vida e Ría anímase a todo o mundo a participar nos distintos actos informativos sobre a proposta de Lei (hoxe mesmo, celebrarase un no Centro Cultural Lustres Rivas en Ribeira, ás 20:00), na manifestación do día 22 de outubro en Santiago así como a asinar a petición lanzada a semana pasada en Change.org e que xa vai próxima das 20.000 asinaturas.