Quen somos?

Somos a xente de toda unha ría, xunta no mesmo barco en defensa do noso futuro. Vida e Ría é unha campaña informativa horizontal e aberta que reúne o extraordinario espírito de mobilización social que se manifestou no fin de 2016 a favor da sustentabilidade dos aproveitamentos da ría fronte á ameaza que supón a reactivación da mina de San Fins, en Lousame, en condicións inaceptábeis para o ambiente e medio de vida de millares de familias da comarca.

No último pleno do mes de novembro de 2016, centos de mariscadoras e mariscadores congregáronse ante a corporación de Noia para esixir a defensa da ría. O pleno do Concello de Noia respondeu de forma unánime, aprobando cos votos de todas as forzas políticas unha moción que se opoñía á autorización de vertedura de máis dun millón de metros cúbicos de augas residuais da Mina de San Fins. Idéntico acordo foi aprobado tamén polo Concello de Muros, que enviou máis dun cento de páxinas de alegacións contra a autorización.

Desde os distintos colectivos sociais da ría o rexeitamento foi igualmente contundente, e solicitouse a denegación da autorización de verteduras presentando alegacións entidades como a Confraría de Pescadores de Noia, a Confraría de Pescadores de Muros, a Confraría de Pescadores de Portosín, a Confraría de Pescadores de Porto do Son, a Asociación de Produtores de Mexillón da Ría de Muros e Noia, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, a Asociación Verdegaia, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, a Asociación Petón do Lobo, Galiza Non se Vende, A Ría Non se Vende e a Asociación de Defensa Medioambiental Salvemos Monteferro.

Nos meses sucesivos distintos colectivos procuraron informar a sociedade organizando eventos e traendo a persoas expertas. As I Xornadas sobre a Ría de Muros e Noia, organizadas por Plademar en Noia, adicaron unha xornada monográfica o 11 de marzo de 2017 ao impacto da Mina de San Fins sobre a ría, con investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro Superior de Investigacións Científicas, así como representantes dos colectivos ecoloxistas implicados. O III Encontro sobre os impactos da minaría, organizado por ContraMINAcción en Santiago o 4 de marzo, adicou unha sesión ao problema da mina de San Fins. No mesmo mes, unha comisión internacional da rede Si á vida, non á minaría, integrada por representantes chegados de Australia, Nova Zelandia, Filipinas, Nixeria, Sudáfrica, Colombia e Reino Unido realizaron unha visita de verificación ás minas. Significativamente, o 30 de xuño de 2017, o plenario da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade de todos os grupos unha Moción sobre o impacto ambiental das Minas de San Fins, en Lousame.

De todo este empeño colectivo naceu Vida e Ría. Faltas ti. Descubre como colaborar. Participa!

Vida e Ría acepta adhesións de colectivos de todo tipo, cuxos logotipos e ligazóns se irán incluíndo nesta páxina. Expresa o apoio do teu colectivo enviando un correo electrónico a info@vidaeria.org

Entidades integrantes da Campaña Vida e Ría

Declaracións e textos institucionais

Preguntas parlamentarias