Que está en xogo?

Que está en xogo?

Ano trás ano prodúcense desastres en presas como as de San Fins. Os casos de Monte Neme ou de Aznalcóllar, son avisos contundentes que non se poden ignorar. A rotura das presas mineiras, ou simplemente un aumento dos niveis de metais pesados que se acumulan na ría, poderían implicar o peche de amplas zonas de explotación marisqueira durante anos, ou décadas. Isto afecta directamente a máis de 1500 persoas que traballan directamente neles, así como a todos os sectores directa ou indirectamente relacionados co mar, incluíndo o turismo. Quen virá a bañarse ás nosas praias despois dun desastre ambiental? Quen querería consumir o berberecho da nosa ría?

O Proxecto de Explotación da mina de San Fins aprobado pola Xunta de Galicia e actualmente vixente contempla un total de 12 postos de traballo durante os dez anos previstos de explotación. Frente a isto, a ría ofrece unha pluralidade de realidades económicas sustentábeis, para as presentes e as futuras xeracións. Estas actividades non só non danan o ecosistema, senón que axudan a manter o delicado equilibrio entre recursos e acción humana.

Máis de 1.500 postos de traballo dependen da calidade das augas nas que se cría o mellor berberecho do mundo.

Que é o cadmio?

O  cadmio está definido legalmente como unha substancia perigosa prioritaria, considerando os seus efectos nocivos sobre a saúde e os baixísimos limites permisíbeis de exposición. O cadmio, como outros metais pesados, bioacumúlase nos organismos, de modo que mesmo concentracións pequenísimas poden levar a problemas graves a medio e longo prazo, incluíndo cancros, osteoporose, osteomalacia e problemas renais. As intoxicacións por cadmio descubríronse no Xapón, onde unhas minas de chumbo, cobre e cinc contaminaran a auga utilizada nos regadíos de arroz. Aínda que os niveis de cadmio no río eran moi baixos, o arroz biocumulaba este metal, que pasaba posteriormente ás persoas, causando graves problemas de saúde a poboacións enteiras, mesmo a 30 km augas abaixo das minas. Outros metais como o cobre ou o cinc, que tamén superan os límites legais das normas de calidade das augas presentes no río San Fins, presentan igualmente riscos para a saúde humana polo seu efecto bioacumulativo. Do mesmo xeito que no arroz do Xapón, os cultivos de regadío, animais e os moluscos da ría poden acumular cantidades elevadas de metais pesados sen que cheguen a matá-los, pero que poden causar graves doenzas nas persoas que os consumen.

Aspecto do río San Fins (ou Rabiceiras, ou Pesqueiras) xusto despois da presa mineira.

Solucións

O titular mineiro non pode pretender maximizar o beneficio (e levalo para Madrid) a custa de deixar os espazos degradados de por vida e de pór en risco o modo de vida, ambiente e saúde das xentes de toda unha ría. A inacción da Administración está detrás da persistencia desta situación. As responsabilidades dos funcionarios e autoridades actuantes dos distintos Departamentos da Xunta de Galicia deben, tamén, depurarse, para que unha situación coma esta non se volte a producir.

Durante anos, numerosas denuncias perante a Administración deron conta dos efectos ambientais da actividade mineira no río San Fins e do seu entorno. Isto incluiu denuncias e peticións de retirada das concesións por parte do Concello de Lousame, denuncias sobre verteduras ilegais ao río San Fins, sobre os arrastres da escombreira, sobre a presenza de labores abandonados, sobre a ocupación de terrenos privados, e un longo etcétera. Á inacción da Administración, súmase o feito de que, só no período 2009-2013, se lle entregaron ao titular mineiro case 2 millóns de euros en axudas públicas. Ao mesmo tempo que tamén con diñeiro público se invertiron outros 2 millóns de euros en “restaurar” algúns dos edificios históricos da mina. Mentras que se continuaba e continúa tolerando e non obrigando ao titular mineiro a pagar a restauración das presas, o tratamento apropiado das augas ácidas de mina e a restauración das zonas afectadas pola actividade mineira.

As drenaxes de augas ácidas de minas deben ser tratadas axeitadamente (cunha planta de tratamento activo), de modo que se garanta que as verteduras ao río San Fins quedan dentro dos parámetros legais de calidade das augas. O tratamento debe abarcar, en todo caso, o período posterior ao peche definitivo da explotación (que a actual concesionaria prevé para dentro de 10 anos), como obriga a lexislación, xa que as drenaxes ácidas continuarán a producirse durante decenas ou centos de anos.

Unha planta de tratamento activo de augas ácidas de mina, como a que é necesario instalar na mina de San Fins.

As presas mineiras supoñen unha ameaza permanente e deben ser restauradas de inmediato pola concesionaria. Os lodos e arrastres acumulados deben ser retirados e tratados; para a continuación retirar ambas presas e restaurar os espazos afectados pola actividade mineira.

As solucións, en todo caso, non respresentan destrucción de postos de traballo, senón o contrario: a creación activa de emprego centrado na restauración dos espazos afectados e na eliminación da contaminación. Debe terse en conta que as augas ácidas de mina, en ausencia de tratamento e minimización da súa producción, representan un problema practicamente perpetuo e unha condena para o futuro da ría de Muros e Noia.