Tres anos de impunidade desde o desastre das balsas mineiras de Monte Neme

O 10 de febreiro de 2014 produciuse a rotura dunha das balsas da mina de estaño e wolframio de Monte Neme, entre os concellos de Carballo e Malpica. Máis de 24.000 metros cúbicos de augas ácidas de mina altamente contaminadas con metais pesados, asulagaron prados, vías públicas e varios cauces fluviais que levaron os residuos mineiros ás praias de Bergantiños. A titular das concesións mineiras, Leitosa SA, apresurou a súa disolución, mentres que as negociacións coa aseguradora AXA non deron resultado.

Esta mesma semana o Concello de Carballo anunciou que iría optar por unha demanda xudicial para reclamar a indemnización polos danos causados polo desastre (das que se tivo que facer cargo o concello), e que se suman aos procesos xudiciais empreendidos polo Concello de Malpica e Xunta de Galicia. Mentres tanto, continúa sen executarse o plan de restauración aprobado, deixando en  evidencia a impunidade ambiental das empresas mineiras.

Ao igual que Incremento Grupo Inversor, titular da mina de San Finx entre 2008 e 2015, que recibiu case 2 millóns de euros en axudas públicas, Leitosa recibiu entre 2003 e 2004, e novamente entre 2008 e 2010 cuantiosas axudas. Leitosa chegou a ter como administrador a Vicente Cotino, sobriño do ex-presidente das Cortes Valencianas Francisco Cotino, imputado na trama Gürtel en relación co financiamento irregular do PP en Valencia.

O legado do desastre ambiental das Minas de Monte Neme de 2014 deixa en evidencia os riscos que representan as presas e balsas mineiras de San Finx, que acumulan máis dun millón de metros cúbicos de residuos mineiros, frente os 24.000 de Monte Neme. Ademais, no caso de San Finx, a actual empresa concesionaria pretende desentenderse das presas mineiras, á vista do seu importante grado de deterioro (que recoñeceu a propia filial de Sacyr) e risco de provocar unha catástrofe ambiental de dimensións moi superiores ás de Monte Neme.

Unha presa como a de San Finx rebenta esta semana en Huelva

Esta semana, en particular na noite do mércores 17, rebentou o aliviadeiro da presa mineira da mina de La Zarza, situada na cunca do río Odiel, en Huelva.  A ruptura do tapón que cerraba o paso das augas contaminadas está a provocar o vertido de centos de miles de metros cúbicos de augas ácidas con sedimentos e metais pesados á cunca do Odiel, que desemboca na ría de Huelva, xerando un grave risco para os ecosistemas das Marismas do Odiel e da zona costeira próximo, incluíndo as zonas productivas.

Ecologistas en Acción denunciou as graves neglixencias no selado e mantenimento das infraestructuras mineiras, abandonadas hai décadas, o que provocou unhas primeiras filtracións en días pasados, culminando na ruptura do tapón de peche e a vertedura continua dos residuos contaminados. Onte mesmo, e ante a gravidade dos feitos, a Junta de Andalucía abriu un expediente sancionador contra os titulares dos dereitos mineiros.

A presa mineira que rebendou en La Zarza garda un forte paralelismo coa presa maior das Minas de San Finx, pois tamén a situada en Lousame leva anos sen mantemento e presenta un importante grado de deterioro segundo a propia concesionaria, filial de Sacyr, que pretende non facerse cargo desta infraestrutura. En 1960 a presa mineira de San Finx provocou xa unha catástrofe de grandes dimensións, replicando o que agora está a acontecer en Huelva.

Coincidentemente, a pouca distancia de La Zarza e na cunca do Odiel, a mesma Sacyr está a desenvolver un proxecto de tratamento de augas ácidas de mina a cargo de 2,6 millóns de euros de fondos europeos. Nin este proxecto de tratamento nin o coñecemento do risco que supoñen este tipo de presas parecen ter calquera relevancia á hora de minimizar os riscos da súa mina de San Finx.

O Concello de Muros dá o seu apoio a Vida e Ría

Este 19 de maio unha delegación de Vida e Ría foi recibida pola Alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, e parte do equipo de goberno, para informarse de primeira man sobre a situación das Minas de San Finx. O Concello de Muros, por medio da Alcaldía, manifestou o seu apoio á campaña Vida e Ría, e anunciou que se manterá atenta ao procedemento de autorización de verteduras no que está personado como parte interesada o concello muradán.

Este apoio é consecuencia do Acordo da sesión ordinaria do Pleno da Corporación de Muros de 24 de novembro de 2016 de oposición á autorización de vertedura de augas residuais industriais solicitada por Tungsten San Finx que tamén levou a Alcaldía a presentar naquela altura máis dun cento de páxinas de alegacións. Alcaldesa e equipo de goberno agradeceron o labor informativo de Vida e Ría.

Deputados de En Marea reúnense con Vida e Ría en Noia

Dando continuidade ás reunións de Vida e Ría cos diversos grupos do Parlamento de Galicia, este 18 de maio tivo lugar o segundo dos encontros. Desta volta, os deputados Antón Sánchez e Marcos Cal, de En Marea, achegáronse a Noia para trocar ideas con representantes da campaña. Os deputados irán concretar oseu apoio por medio de diversas iniciativas parlamentarias, dando continuidade á Pregunta do Grupo Parlamentario de En Marea sobre as actuacións levadas a cabo pola Xunta de Galicia en relación coas denuncias referidas ás verteduras e obras realizadas polos titulares das minas de San Finx, no concello de Lousame.

Os deputados valoraron especialmente a implicación transversal na campaña, tanto por parte dos colectivos sociais como políticos, e procurarán reflectir ese consenso no parlamento. De feito, este encontro dá continuidade ao mantido co PSdG-PSOE o pasado día 16, e sucederase do marcado co BNG para o próximo día 22 e co que se axendará co Partido Popular en datas próximas. Deste modo, Vida e Ría pretende facerlle chegar as reivindicacións da campaña de forma directa aos grupos parlamentares para que actúen en beneficio de toda a comarca.

Vida e Ría comeza as reunións cos grupos parlamentares

Representantes de Vida e Ría mantiveron esta mañá no Parlamento de Galicia a primeira das reunións cos grupos parlamentarios galegos, que se sucederán ao longo dos próximos días coa totalidade dos mesmos. A delegación de Vida e Ría foi recibida este 16 de maio por Patricia Vilán Lorenzo, deputada do PSdG-PSOE e membro das Comisións de Xustiza e Medio Ambiente, que tomou nota das reivindicacións da campaña de cara a futuras intervencións e debates parlamentares.

A delegación de Vida e Ría felicitou a Patricia Vilán e ao Grupo Parlamentar por ter presentado recentemente unha Proposición non de lei do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia sobre a adopción pola Xunta de Galicia das medidas destinadas a obrigar a empresa mineira Tungsten San Finx, S. L. a desenvolver a súa actividade respectando as normas de calidade ambiental e de protección da ría de Noia, desexando que sexa aprobada pola cámara de xeito unánime.

Vida e Ría bota a andar nas rúa de Noia

Este domingo comezou nas rúas de Noia a campaña Vida e Ría, para sensibilizar e informar á xente de toda a comarca sobre os riscos que supoñen as presas mineiras e drenaxes con metais pesados da Mina de San Fins para a nosa ría. Instalouse unha mesa informativa na rúa do Comercio na que se repartiron durante a mañá máis de medio millar de dípticos e se recolleron varios centos de asinaturas. Tanto o díptico como follas de asinaturas pódense descargar desde a páxina web de Vida e Ría. Podes porte en contacto con Vida e Ría para que che fagamos chegar dípticos e follas de asinaturas, ou para organizar unha charla informativa.

Tamén se colocaron varias faixas sobre o río Traba, tanto na ponte de San Lázaro como na do Campo de Noia, alertando sobre os niveis de cadmio presentes no río que, atendendo ás analíticas realizadas recentemente por Augas de Galicia, duplican na altura da Ponte de Traba os valores máximos legais permitidos para esta substancia canceríxena (NCA-MA). Lamentablemente, as catro faixas foron vandalizadas na noite do domingo para o luns, o que foi condenado por todos os colectivos que participan na campaña como un ataque contra o dereito á información e á liberdade de expresión. En breve serán respostas xunto con outras que se instalaran en distintos puntos da comarca.

 

PSdG-PSOE presenta Proposición non de lei no Parlamento galego sobre o problema da mina de San Fins

O Boletín Oficial do Parlamento de Galicia do 19 de abril de 2017 recolle a Proposición non de lei do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia sobre a adopción pola Xunta de Galicia das medidas destinadas a obrigar a empresa mineira Tungsten San Finx, S. L. a desenvolver a súa actividade respectando as normas de calidade ambiental e de protección da ría de Noia, presentada polas deputadas Patricia Vilán Lorenzo, María Dolores Toja Suárez, Raúl Fernández Fernández, María Luisa Pierres López e Xoaquín Fernández Leiceaga.

A proposición non de lei alerta sobre as “altas concentracións de metais pesados e tóxicos” no río San Fins e o risco de afectación aos bancos marisqueiros da ría de Noia. O texto insta á Xunta de Galicia a que obrigue á empresa mineira  “a desenvolver a súa actividade mineira respectando as normas de calidade e do medio ambiente” e a “tomar as medidas necesarias para que se acade a protección da ría de Noia, incluso chegando á denegación do permiso de vertedura de augas á empresa mineira Tungsten San Finx S.L, coa fin de protexer medioambientalmente a ría.”

«Berberechos en pie de guerra», unha reportaxe de Diario Vice

Dani Campos e a equipa de xornalismo de investigación de Diario Vice botaron uns días pola ría en febreiro para coñecer de primeira man os riscos e impacto da actividade da Mina de San Fins sobre a economía e ecosistemas da comarca. A reportaxe de 8 minutos estreouse o 29 de marzo no episodio 42 do Diario Vice, emitido no canal #0 de Movistar+. Na reportaxe entrevístase a múltiples voces que ofrecen a súa visión particular deste problema.