O problema

Que acontece na Mina de San Fins?

As Minas de San Fins (ás veces referidas como “San Finx“) son parte da historia desta comarca, para o bo e para o malo. Como noutros lugares, a minaría deixa con frecuencia profundas feridas e problemas ambientais que perduran no tempo, durante décadas. No caso das minas de San Fins os labores subterráneos provocan drenaxes ácidas de mina, fruto das infiltracións de auga en contacto con quilómetros de galerías. Estas  augas residuais industriais mineiras de baixo pH favorecen a disolución de metais pesados: substancias tóxicas e perigosas que afectan á saúde das persoas e dos organismos en contacto coas augas e a súa cadena de consumo. Nas Minas de San Fins, as drenaxes presentan altísimos niveis de cadmio, cobre e cinc, sendo o primeiro unha substancia perigosa extremadamente tóxica e canceríxena; e os segundos substancias preferentes.

Drenaxes ácidas de mina con altas concentracións de metais pesados

Os metais pesados son bioacumulables: pasan de organismo en organismo a través da cadea trófica acumulándose nos tecidos vivos e provocando efectos graves sobre a saúde. As augas ácidas de mina provenientes das drenaxes de San Fins presentan valores de cadmio, cobre e cinc que en promedio, segundo as analíticas en poder de Augas de Galicia de 2015 e 2017, superan en 160, 31 e 17 veces, respectivamente, os limites máximos legais das Normas de Calidade Ambiental (NCA-MA). O caudal das drenaxes de augas residuais ácidas de mina que se verte con esas concentracións sen tratar é na actualidade de aproximadamente 50.000 litros por hora, segundo as propias medicións da empresa concesionária. Na ponte de Traba, perto da desembocadura na ría e apesar da dilución, o valor medido por Augas de Galicia en marzo de 2017 de cadmio é maior ca o límite legal (NCA-MA). O cadmio está definido legalmente como unha substancia perigosa prioritaria. Ao igual ca outros metais pesados, bioacumúlase nos organismos (cultivos vexetais, moluscos, etc.) que, unha vez consumidos por humanos, poden provocar doenzas como cancros, osteoporose, osteomalacia e problemas renais.

Presas mineiras de colas con ameaza de rotura

En 1930 o titular da concesión construíu dúas presas de decantación de residuos mineiros en pleno cauce fluvial do río San Fins, a continuación da escombreira, procurando reducir os arrastres río abaixo. As presas colmatáronse de lodos e arrastres e na actualidade acumulan millóns de metros cúbicos de lodos mineiros. A actividade extractiva parou en 1990, continuando só a venda de áridos da escombreira. Os Plans de Labores Anuais incluían ambas presas mineiras ata o ano 2000, momento no que o titular da concesión deixou de presentar Plan de Labores, sen que iso motivase que a Administración rescatara as concesións ou obrigase a restaurar os espazos afectados. En marzo de 2017 a empresa concesionaria recoñeceu que as presas presentan un importante grado de deterioro, aínda que poucos meses antes dicía que estaban en bo estado. O seu colapso, que ten precedentes na década de 1950, despois da intensa actividade durante a II Guerra Mundial e a de Corea, implicaría liberar ao medio unha cantidade monumental de substancias perigosas, que poderían forzar o peche de bancos marisqueiros enteiros durante anos.

Evolución do espazo afectado polas presas de colas mineiras de San Fins desde 1945 ata a actualidade.

Falta de Estudo de Impacto Ambiental

En 2009 unha nova empresa concesionaria procurou reactivar a explotación. A nova concesionaria foi a concurso de acreedores en 2013, despois de recibir case 2 millóns de euros en subvencións, que non se utilizaron para garantir a seguranza das presas mineiras nin por fin as verteduras de augas ácidas de mina ao río. Os proxectos de explotación e restauración presentados non foron sometidos a Estudo de Impacto Ambiental, a pesar de que tal avaliación era obrigatoria conforme á lexislación ambiental vixente naquel momento e á actual; e a pesar de que tal Estudo de Impacto Ambiental lle fora solicitada en reitardas ocasións ao titular mineiro. Estes proxectos de 2009, que continúan en vigor na actualidade, non prevén o tratamento das drenaxes ácidas de mina nin a retirada das presas mineiras do río San Fins e restauración do espazo afectado pola actividade mineira. En 2015 fíxose coas concesións Valoriza Minería, filial do Grupo Sacyr, continuando igual a situación.

Vista das dúas presas mineiras de San Finx en 1996, a menor ao pé da escombreira, e a maior ao fondo.