Augas de Galicia recoñece que a rotura da presa de San Fins podería producir un importante impacto ambiental

A final do mes de xullo Vida e Ría daba conta da resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia por parte de Augas de Galicia, na que se afirmaba, en base a un informe, que non existía risco de rotura imediata da maior das presas mineiras de San Fins. Agora Vida e Ría tivo acceso ao informe en cuestión, de xuño de 2017, no que se afirma literalmente: “No caso da presa 2, cuxo encoro se encontra practicamente colmatado, ao estar situada augas abaixo e ter unha maior altura, o arrastre dos materiais podería producir un importante impacto ambiental coa eventual rotura da presa“.

O informe tamén detalla as características das presas, tendo a maior delas 12 metros de altura e 50 metros de cumprimento. O informe indica que o volume estimado de residuos mineiros acumulados é de 33.879 metros cúbicos (aproximadamente 55.000 toneladas) aínda que recoñece o “elevado grado de incertidume” do cálculo, ao descoñecer a cota do leito orixinal.

Recoméndase ademais que, “De cara á restauración da zona do Dominio Público Hidráulico, sería preciso retirar os áridos acumulados nos dous enconros e realizar a xestión dos mesmos segundo corresponda en función da súa natureza” que aínda se descoñece por non ser un dos traballos encomendados no informe “avaliar a composición química dos sedimentos”. Non obstante, a propia observación visual permite verificar a simple vista a presencia de metais precipitados en todo a zona de encoro, o que se explica polas altas concentracións de metais pesados que verificaron as analíticas de Augas de Galicia nese mesmo punto.

Aínda que o informe revela que as dúas presas constan como parte das instalacións mineiras de San Fins ata que se deixaron de presentar plans anuais de labores no ano 2000, a Xunta de Galicia, e en particular a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, continúa dificultado o proceso de investigación retendo a información relevante e non respondendo aos requerimentos de informes doutros departamentos da Xunta.

Ante a gravedade da situación, desde Vida e Ría reclámase que se realicen os estudos necesarios para caracterizar os residuos mineiros presentes nas presas e a súa perigosidade; que se realicen os estudos precisos para determinar a cantidade de residuos acumulados e os riscos para a seguridade das presas; e que se reclame, xudicialmente se fose preciso, a documentación e informes competencia da Dirección Xeral de Enerxía e Minas referentes ás presas mineiras. Todo iso para avanzar cara unha solución definitiva que pase pola restauración do dominio público hidráulico afectado polas presas de residuos mineiras e se suprima esta ameaza permanente sobre a ría.