A Xunta nega que haxa risco alto de rotura inmediata da presa mineira de San Fins

O Goberno da Xunta ven de dar resposta á Pregunta do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego sobre as medidas destinadas a garantir a seguridade dos encoros mineiros de San Fins, no Concello de Lousame, rexistrada do Parlamento de Galicia o pasado 12 de xuño. A pregunta recuncaba sobre a comparecencia do director de Augas de Galicia en xaneiro de 2017, na que este indicaba que non tiña constancia “de que existise un risco inminente para a seguridade desa presa”. Sen embargo, poucos meses despois era a propia empresa a que indicaba que a presa presentaba un importante grado de deterioro. Desta volta, a Consellería de Medio Ambiente afirma novamente que “non se pode inferir que haxa un risco alto de rotura inmediata”.

Nas preguntas do BNG inqueríase se “realizou Augas de Galicia unha auscultación destas instalacións, atendendo aos criterios técnicos de seguridade e xestión de presas que permita soster, a día de hoxe, que non existe ningún risco asociado ás mesmas”, máis alá das observacións visuais de maio e outubro de 2016, contradictorias no que ás características das presas se refere. A Resposta do Goberno á Pregunta sobre as presas mineiras indica que desde Augas de Galicia se realizou un “informe descritivo das presas de cara a avaliar a súa situación e características”, pero este non se encontraba no expediente cando se lle proporcionou copia ás entidades personadas no mesmo.

Nas preguntas do BNG tamén se solicitaba información sobre a determinación da titularidade das presas, indicando Augas de Galicia que non atopara “datos concluíntes sobre a titularidade da presa”, aínda que matiza que “Para o caso de que tivese formado parte da explotación ou se tivese construído para darlle servizo volverase a requirir á empresa para que dea cumprimento ao solicitado e garanta a seguridade da presa”.

Finalmente, á pregunta de se irá “condicionar Augas de Galicia a eventual resolución de verteduras á restauración do espazo natural afectado polas presas mineiras”, a Xunta limítase a indicar que “Na resolución de autorización de vertido que se outorgue, se esta procede, impoñeranse a esta explotación todos os condicionantes que sexan necesarios para o cumprimento da normativa”.