A ONU denuncia inseguridade de presas mineiras

Vida e Ría quere chamar a atención sobre o Informe (Assessment Report Summary) que fixo público en Xenebra o Programa das Nacións Unidas sobre o Ambiente (UNEP), facendo un chamamento urxente ao Estados e á industria extractiva para pór freo inmediato aos sucesivos accidentes mortais e destrutivos que se veñen producindo en presas mineiras mal deseñadas e mal conservadas. Desde Vida e Ría insístese no chamamento ás autoridades responsables para que atendan de inmediato a grave situación das presas mineiras abandonadas da mina de San Finx.

O informe conxunto de UNEP e de GRID Arendal titulado “Mine Tailings Storage: Safety Is No Accident” (“Depósitos de colas mineiras: seguridade é non ter accidentes”) destaca os 40 colapsos de depósitos de residuos mineiros que tiveron lugar na última decada, incluíndo os oito de grandes dimensión que se produciron desde 2014. Estes colapsos levaron á morte de 341 persoas desde 2008, danaron centos de quilómetros de cursos fluviais, afectaron as fontes de auga para consumo humano e destruíron o modo de vida de comunidades enteiras.

O informe foi elaborado en reacción aos numerosos “desastres de presas mineiras e o aumento da preocupación pola seguridade, xestión e impactos relativos á acumulación e contención de grandes volumes de residuos mineiros”. O estudo cita exemplos como os de Ajka-Kolontár en Hungría de 2010 (MAL Hungarian Aluminium), o desastre de Mount Polley en Canadá de 2014 (Imperial Metals), o de Buena Vista del Cobre en México de 2014 (Grupo México), o colapso da xigantesca presa de Samarco en Brazil de 2015 (Vale e BHP Billiton) e o desastre da mina Tonglvshan en China de 2017 (China Daye Ltd.). Habería que engadir os colapsos das balsas de residuos tóxicos de Monte Neme, en 2014, e no río Odiel, este mesmo 2017.

UNEP e GRID-Arendal destacan a existencia de miles de depósitos de residuos mineiros en todo o mundo que supoñen un perigo potencial tanto para a saúde das persoas como do ambiente, sinalando que:  “O número crecente tanto do número de presas de colas como do seu tamaño en todo o mundo amplifica o potencial de impacto ambiental, social e económico de colapsos catastróficos, así como os riscos e custos que implican a xestión a perpetuidades destas infraestruturas. Estes riscos supoñen un inmenso desafío para a nosa xeración, e se non se aborda agora será unha dívida que deixaremos a futuras xeracións” — UNEP-GRID Arendal Assessment Report Summary, October 2017.

Desde Vida e Ría destácase como no caso das presas mineiras de San Finx se vulneran todas e cada unha das 18 recomendacións que formulan as Nacións Unidas, empezando polo modo no que tanto concesionaria como administración ignoran ou minimizan o problema existente. As recomendacións inclúen os principios de transparencia, responsabilidades, claras e garantías financeiras en caso de catástrofe. Actualmente, as presas de San Finx non están rexistradas no Inventario Nacional de Depósitos de Lodos e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas negan o acceso aos documentos relacionados. Tampouco existe ningunha garantía financeira imposta á empresa concesionaria en relación ás presas, negando ata hoxe Tungsten San Finx SL, de Valoriza Minería (Grupo Sacyr) calquera responsabilidade.

As organizacións implicadas en Vida e Ría alertan que de continuar esta situación se porá en coñecemento do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente a situación das presas mineiras de San Finx que, entenden, supón unha vulneración das obrigas internacionais do Estado. Esíxese tamén que se cumpran as recomendacións da ONU para evitar que Lousame, Noia e a Ría se unan á lista de catástrofes de presas mineiras.

Fonte: Mining Watch.