A Denominación Mexillón de Galicia alerta sobre o risco ambiental da mina de San Finx

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida do Mexillón de Galicia ven de publicar un contundente artigo no seu Boletín do mes de decembro baixo o título “A minería non pode pór en risco a riqueza das nosas rías“, no que alerta sobre o risco que o proxecto mineiro de San Finx supón para calidade das augas das rías.

Por iso, reclaman que “as administracións apliquen o principio de precaución para protexer as actividades de cultivo de mexillón, pesca artesanal e marisqueo que se desenvolven augas abaixo destas explotacións mineiras, e que son piar importante da riqueza, tamén económica, da Galicia costeira.”

Deste xeito, desde o Departamento de I+D+i da DOP “Mexillón de Galicia” chámase á cautela frente á autorización de verteduras solicitada ante Augas de Galicia pola concesionaria Tungsten San Finx (Grupo Sacyr), e contra a que xa se posicionara tanto a Asociación de Produtores de Mexillón da Ría de Muros e Noia como a Confraría de Pescadores de Noia, a Confraría de Pescadores de Muros, a Confraría de Pescadores de Portosín e a Confraría de Pescadores de Porto do Son.