A avaliación do impacto ambiental de San Finx chega ao Parlamento

O Boletín Oficial do Parlamento de Galicia dá conta da Pregunta do Grupo Parlamentario de En Marea sobre as medidas previstas pola Xunta de Galicia en relación coa aplicación da lexislación ambiental vixente aos proxectos mineiros aprobados nos anos 2009 e 2011 para as minas de San Finx e Santa Comba, a concesión de aproveitamento de augas aprobada en 2016 e a solicitude de autorización, presentada no mes de novembro. Pola relevancia das informacións achegadas na súa sección expositiva, inclúese o texto íntegro a continuación.

A normativa ambiental, e en particular a que fai referencia á avaliación do impacto ambiental, e á participación pública nestes procesos, non responde a un capricho, nin pode a súa aplicación suxeitarse ao capricho ou intereses dun goberno particular. Non obstante, desde 2009 parece que é o capricho e non a legalidade o que articula a aplicación da normativa ambiental, e moi particularmente no ámbito da minaría. Permítame ilustrar esta afirmación con dous casos que recentemente teñen recibido notable atención pública.

O 25 de marzo de 2009 o Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas, D. Anxo R. Calvo Silvosa, xunto co Subdirector Xeral de Recursos Minerais, D. José Antonio Domínguez Varela, asinan “Resolución de transmisión das concesións de explotación que conforman o denominado Grupo Mineiro Santa Comba”. A transmisión de dereitos mineiros autorizada pola Resolución, non obstante, quedaba condicionada a “Presentar, no prazo de tres meses, un estudo de impacto ambiental do proxecto que nos ocupa, conforme o Real Decreto Lexislativo 1/2008, de 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos, e demais normativa de aplicación“. Na mesma Resolución, que nunca foi obxecto de recurso, sendo portantoo firme, indícase que “Para poder proceder á explotación se deberá contar coa declaración ambiental e coa aprobación do proxecto de explotación e plan de restauración, correspondentes“. Con anterioridade, en informe de 23/09/2008, a enxeñeira actuante da Delegación da Coruña, Dª María José Míjares Coto, sinalaba que o proxecto  “debería someterse al dictamen ambiental previsto en la legislación sobre materia de medio ambiente actualmente en vigor por tratarse de una explotación subterránea que por su paragénesis puede producir aguas ácidas o alcalinas que den lugar a cambios en el pH o liberen iones metálicos que supongan una alteración del medio natural”. Coa mudanza de goberno en 2009, o proxecto non foi sometido ao trámite ambiental.

Sendo evidente a responsabilidade do órgano substantivo, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, e en particular do seu Director Xeral, na situación descrita, non o é menos do órgano ambiental. Especialmente preocupante é a “carta de natureza” que o anterior Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, D. Justo de Benito Basanta, outorga á actuación da Dirección Xeral de Minas no caso do Grupo Mineiro Santa Comba en escrito de 1 de setembro de 2011 no que comunica que “dado que a titulación destas é anterior á entrada en vigor da lexislación ambiental vixente, que obriga á realización dunha declaración ambiental previa ao comezo da actividade extractiva, e que non existen novas áreas afectadas, non procede emitir nigunha declaración“. Téndose destinado recentemente o Sr. de Benito a un posto diplomático en París, non é posible preguntarlle se esta comunicación responde ao seu propio criterio ou se simplemente refrenda as palabras do Sr. Bernardo Tahoces, unha vez que non parece existir na lexislación amparo algún a ese parecer e que en todo caso tal criterio non vén acompañado de ningún informe por técnico funcionario público dese departamento.

O 30 de decembro de 2008, o mesmo Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas, D. Anxo R. Calvo Silvosa, xunto co Subdirector Xeral de Recursos Minerais, D. José Antonio Domínguez Varela, asina unha “Resolución de transmisión de dereitos mineiros do Grupo Mineiro San Finx”, igualmente condicionada a “Presentar, no prazo de tres meses, un estudo de Impacto Ambiental do proxecto que nos ocupa, conforme o Real Decreto Lexislativo 1/2008 , de 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos, e demais normativa de aplicación“. A pesar de tratarse, novamente, dunha resolución firme, nunca recurrida, cando D. Ángel Bernardo Tahoces asina a “Resolución de 28 de decembro de 2009 de aprobación dos proxectos de explotación, de restauración e de mellora das instalacións de tratamento do Grupo Mineiro San Finx” suprímense dos “Antecedentes de feito” a mención ao condicionante de presentar un estudo de impacto ambiental, desaparecendo toda mención a este condicionante sen mediar ningún cambio normativo en relación á lexislación de impacto ambiental.

Ambas as dúas explotacións teñen elementos en común: ambas as dúas producen drenaxes ácidas de minas con disolución de metais pesados; en ambos os dous casos estas drenaxes son vertidas ao dominio público hidráulico sen tratamento que os elimine; por este motivo, entre outros, ambas as dúas deberían terse submetido ao trámite de avaliación ambiental, como impuxeron sendas resolucións, que nunca foron obxecto de recurso e, por tanto, eran firmes. Non obstante, ningunha das explotacións foi sometida a este trámite legalmente obrigatorio. Mesmo así, nese periodo recibiron numerosas subvencións, a pesar de que o Consello de Contas recolleu a cualificación dos proxectos presentados como cuestionables e de formulación dubidosa. Tanto o Grupo Mineiro Santa Comba como o San Finx pertencían na altura á mercantil Incremento Grupo Inversor S.L., liquidada concursalmente en 2013. Posteriormenete outros grupos empresariais subrrogáronse aos proxectos mineiros, subrrogación aprobada polo departamento de minas a pesar que ditos proxectos continúan sen estar sometidos ao obrigatorio trámite ambiental.

Moitas persoas, colectivos, e outras empresas do sector, pregúntanse que hai detrás da inacción da Consellería de Medio Ambiente nunha situación cuxas dimensións aínda descoñecemos. E eu tamén me fago esa pregunta. Non é unha pregunta nova, pois xa se lle formulou aquí ao Sr. Bernardo Tahoces, así como repetidamente ao Sr. Director de Augas de Galicia, que non só parece compartir responsabilidade senon tamén criterio frente á grave afectación que estas explotacións non sometidas ao procedemento de avaliación de impacto ambiental están tendo e terán no medio ambiente, en particular as drenaxes ácidas de mina. Sorpréndenos aínda a Xunta, cando o día 15 de novembro de 2017 emite un comunicado, recollido por diversos medios, no que sae ao paso á remisión ao Xulgado por parte da Fiscalía deste mesmo asunto, dándonos o titular “La Xunta asegura que no era necesaria declaración ambiental en San Finx”.

Por todo o exposto, os deputados asinantes presentan as seguintes preguntas para a súa resposta oral en comisión.

  1. Cal é o fundamento legal para que os proxectos mineiros aprobados en 2009 e 2011 para as minas de San Finx e Santa Comba, con resolucións previas que condicionaban a transmisión das concesións, paralizadas desde o fin dos anos 1980, a presentar sendos estudos de impacto ambiental, puideran prescindir do trámite de avaliación de impacto ambiental establecido pola lexislación estatal e europea, e de existir, que técnico funcionario público o sustenta?
  2. Cal é o fundamento legal da comunicación que asinou o Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 1 de setembro de 2011? Foi precedida esa comunicación de informes realizados por técnicos da súa Consellería ou respondeu unicamente ao criterio persoal do Sr. de Benito? Podemos coñecer eses informes, se existiren?
  3. Desde 2009, a cantas e a cales explotacións mineiras obrigadas a someter os seus proxectos ao trámite ambiental por xerar drenaxes ácidas de mina ou outros motivos contemplados na lexislación, se eximiu deste requisito en base a escritos como o do Sr. de Benito? É coñecedora da existencia de presións a técnicos funcionarios do seu departamento por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas?
  4. Á vista da actuación do órgano substantivo de minas, e atendendo ao disposto pola Ley 21/2013, de 9 de diciembre, de evaluación ambiental (e a súa precedente), que establece que “Carecerán de validez los actos de adopción, aprobación o autorización de los planes, programas y proyectos que, estando incluidos en el ámbito de aplicación de esta ley no se hayan sometido a evaluación ambiental, sin perjuicio de las sanciones que, en su caso, puedan corresponder”, vai tomar algunha medida o seu departamento frente aos proxectos referidos e a outros que se poidan encontrar en situación análoga?
  5. Atendendo ao anterior, vai tomar algunha medida o seu departamento ante a concesión de aproveitamento de augas aprobada en 2016 e á solicitude de autorización de vertidos que actualmente está a tramitar Augas de Galicia, en relación á mina de San Finx, non sometida a EIA? Desde cando coñece a situación legal en relación ao aproveitamento de augas e á autorización de vertidos da mina, en particular da de de Santa Comba e outras que xeran drenaxes ácidas sen terse sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental?