A concesionaria de San Finx en moi alto risco de quebra segundo Infoempresa

As contas anuais para 2016 de Tungsten San Finx S.L., concesionaria das minas de San Fins, revelan a situación real da empresa, que nun Informe realizado pola consultora Infoempresa, se califica como en “moi alto risco de quebra” e “moi alto risco de impago“. O informe aconsella “non manter operacións de crédito” coa concesionara que acumularía á vista das contas varios anos de perdas. Con este mesmo pano de fondo, Sacyr ven de decidir substitir o Director Facultativo da mina de San Finx, Ángel Rafael Fernández Vallés, que ocupaba o cargo desde que en 2015 Sacyr asumira a concesión mineira. De feito, esta mesma semana ven de lanzar a oferta de emprego para encontrar o seu substituto.

Este panorama contrasta vivamente coa situación presentada pola Xunta en 2015, así como en sucesivas declaracións do Director Xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces, en relación á solvencia técnica e capacidade de investimento da nova concesionaria. Xa en novembro do ano pasado se desvelara como o Grupo de investimento australiano Macquaire se desmarcaba publicamente do proxecto, ante as dúbidas sobre a viabilidade ambiental e técnica. Os novos movementos ilustran o alto risco de que a concesionaria non só non queira se non que non poida facerse cargo das responsabilidades asociadas a unha potencial rotura das presas mineiras, como ven denunciando Vida e Ría.