Augas de Galicia recoñece que a rotura da presa de San Fins podería producir un importante impacto ambiental

A final do mes de xullo Vida e Ría daba conta da resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia por parte de Augas de Galicia, na que se afirmaba, en base a un informe, que non existía risco de rotura imediata da maior das presas mineiras de San Fins. Agora Vida e Ría tivo acceso ao informe en cuestión, de xuño de 2017, no que se afirma literalmente: “No caso da presa 2, cuxo encoro se encontra practicamente colmatado, ao estar situada augas abaixo e ter unha maior altura, o arrastre dos materiais podería producir un importante impacto ambiental coa eventual rotura da presa“.

O informe tamén detalla as características das presas, tendo a maior delas 12 metros de altura e 50 metros de cumprimento. O informe indica que o volume estimado de residuos mineiros acumulados é de 33.879 metros cúbicos (aproximadamente 55.000 toneladas) aínda que recoñece o “elevado grado de incertidume” do cálculo, ao descoñecer a cota do leito orixinal.

Recoméndase ademais que, “De cara á restauración da zona do Dominio Público Hidráulico, sería preciso retirar os áridos acumulados nos dous enconros e realizar a xestión dos mesmos segundo corresponda en función da súa natureza” que aínda se descoñece por non ser un dos traballos encomendados no informe “avaliar a composición química dos sedimentos”. Non obstante, a propia observación visual permite verificar a simple vista a presencia de metais precipitados en todo a zona de encoro, o que se explica polas altas concentracións de metais pesados que verificaron as analíticas de Augas de Galicia nese mesmo punto.

Aínda que o informe revela que as dúas presas constan como parte das instalacións mineiras de San Fins ata que se deixaron de presentar plans anuais de labores no ano 2000, a Xunta de Galicia, e en particular a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, continúa dificultado o proceso de investigación retendo a información relevante e non respondendo aos requerimentos de informes doutros departamentos da Xunta.

Ante a gravedade da situación, desde Vida e Ría reclámase que se realicen os estudos necesarios para caracterizar os residuos mineiros presentes nas presas e a súa perigosidade; que se realicen os estudos precisos para determinar a cantidade de residuos acumulados e os riscos para a seguridade das presas; e que se reclame, xudicialmente se fose preciso, a documentación e informes competencia da Dirección Xeral de Enerxía e Minas referentes ás presas mineiras. Todo iso para avanzar cara unha solución definitiva que pase pola restauración do dominio público hidráulico afectado polas presas de residuos mineiras e se suprima esta ameaza permanente sobre a ría.

Denuncian burla da Dirección Xeral de Minas ante o problema das presas de residuos tóxicos en San Fins

Varios colectivos de Vida e Ría denunciaron a “publirreportaxe” encuberta que apareceu o domingo 20 de agosto de 2017 en diversos medios, incluíndo unha páxina enteira nos xornais La Opinión A Coruña e o Faro de Vigo. No textocon fonte suposta na Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, preténdese minimizar a problemática e riscos das presas de colas mineiras das Minas de San Fins, indicando que son “de pequeño tamaño” e “exentas de aplicación de la normativa sobre estos embalses“. A Xunta é perfectamente consciente de que isto é falso, ao tratarse, no caso da maior, dunha presa de 9 metros de altura e 53 de cumprimento, que, ao almacenar residuos mineiros perigosos, está suxeita aos estrictos controis que establece o Real Decreto 975/2009, de 12 de junio, sobre gestión de los residuos de las industrias extractivas y de protección y rehabilitación del espacio afectado por actividades mineras.

A Xunta, e en particular a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, é perfectamente consciente a estas alturas da titularidade das presas, que aparecen recollidas nos plans anuais de labores do Grupo Mineiro San Finx ata o ano 2000, no que se deixaron de presentar, incumprindo a normativa. O actual Director Xeral de Enerxía e Minas, que aprobou en 2009 un plan de explotación e de restauración que, misteriosamente, deixaba fóra as dúas presas é o principal responsable político por este feito e a tomadura de pelo que constitúe a “averiguación da titularidade” das presas, sobradamente demostrada. Tomadura de pelo á que agora se suma Augas de Galicia, que “no encuentra a su dueño” (!!!!).

Finalmente, resulta temeraria a afirmación de que “no se puede inferir que haya riesgo alto de ruptura“. Que hai entón? Risco medio? Risco baixo? En base a qué se inferiu que non existe ese risco? Temos que esperar a ver se repite no corazón da ría de Muros e Noia o colapso das balsas mineiros de Monte Neme, en Carballo, de 2014, índose a empresa responsable “de rositas”? Ou o de Aznalcóllar, ou o da mina de La Zarza este mesmo ano?