Noia Histórica súmase ás reivindicacións de Vida e Ría

A Asociación de Comerciantes e Profesionais Noia Histórica emitiu unha Declaración sumándose ás reivindicacións de Vida e Ría en relación á problemática ambiental das Minas de San Finx. A entidade empresarial reclama así a “instalación dunha planta de depuración activa para poder levar a cabo, de novo, a explotación da mina de San Finx, así coma o seguimento e garantías necesarias para o control da balsa de residuos que existe na actualidade e o arranxo das presas mineiras afectadas“.

Desde Noia Histórica, asociación creada para dinamizar a economía local e defender os intereses do empresariado da vila, destacan que “O respeto e proteción ao medio ambiente terá que ser sempre o primeiro obxetivo na explotación dos recursos naturais. En sí mesmo, esta política proteccionista constitue o mellor investimento económico” de modo a non “comprometer a calidade de vida e o futuro das xeracións presentes e futuras e axudando ao desenrolo integral da zona“.

Noia Histórica súmase así a outros colectivos profesionais e empresariais que veñen apoiando as reivindicacións de Vida e Ría, e que inclúen tamén a Asociación Turístico Comarcal Ría de Muros-Noia, que agrupa os empresarios de establecementos de turismo rural da comarca, a Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia ou o Sindicato Labrego Galego.

A Xunta nega que haxa risco alto de rotura inmediata da presa mineira de San Fins

O Goberno da Xunta ven de dar resposta á Pregunta do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego sobre as medidas destinadas a garantir a seguridade dos encoros mineiros de San Fins, no Concello de Lousame, rexistrada do Parlamento de Galicia o pasado 12 de xuño. A pregunta recuncaba sobre a comparecencia do director de Augas de Galicia en xaneiro de 2017, na que este indicaba que non tiña constancia “de que existise un risco inminente para a seguridade desa presa”. Sen embargo, poucos meses despois era a propia empresa a que indicaba que a presa presentaba un importante grado de deterioro. Desta volta, a Consellería de Medio Ambiente afirma novamente que “non se pode inferir que haxa un risco alto de rotura inmediata”.

Nas preguntas do BNG inqueríase se “realizou Augas de Galicia unha auscultación destas instalacións, atendendo aos criterios técnicos de seguridade e xestión de presas que permita soster, a día de hoxe, que non existe ningún risco asociado ás mesmas”, máis alá das observacións visuais de maio e outubro de 2016, contradictorias no que ás características das presas se refere. A Resposta do Goberno á Pregunta sobre as presas mineiras indica que desde Augas de Galicia se realizou un “informe descritivo das presas de cara a avaliar a súa situación e características”, pero este non se encontraba no expediente cando se lle proporcionou copia ás entidades personadas no mesmo.

Nas preguntas do BNG tamén se solicitaba información sobre a determinación da titularidade das presas, indicando Augas de Galicia que non atopara “datos concluíntes sobre a titularidade da presa”, aínda que matiza que “Para o caso de que tivese formado parte da explotación ou se tivese construído para darlle servizo volverase a requirir á empresa para que dea cumprimento ao solicitado e garanta a seguridade da presa”.

Finalmente, á pregunta de se irá “condicionar Augas de Galicia a eventual resolución de verteduras á restauración do espazo natural afectado polas presas mineiras”, a Xunta limítase a indicar que “Na resolución de autorización de vertido que se outorgue, se esta procede, impoñeranse a esta explotación todos os condicionantes que sexan necesarios para o cumprimento da normativa”.

San Finx: maldita hemeroteca!

A pesar do grande apoio social recibido ante a campaña de Vida e Ría, non ten faltado algún elemento que pretende ocultar, restar importancia ou directamente negar a contaminación que o complexo mineiro de San Finx ven causando no río do mesmo nome e, através del, á nosa Ría. Non obstante, unha simple búsqueda polo termo “san finx” na hemeroteca dixital de La Voz de Galicia, evidencia que as demandas de Vida e Ría non son algo novo.

Nunha noticia do sábado 6 de maio de 1978 La Voz dá conta da preocupación existente na organización local do Partido do Traballo (PTE) en Noia. Esta formación política denuncia “que esta localidad es uno de los «laboratorios de enfermedades mais logrados da provincia» a causa de la contaminación existente en el río Traba, causada por los vertidos de la mina de San Finx, la fábrica de cueros, el matadero, los talleres mecánicos y los detergentes procedentes de las casas”. A noticia ilustra a continuidade, case 40 anos depois, de algúns dos principais focos contaminantes da Ría.

Sete anos máis tarde, nunha noticia que aparece o 20 de febreiro de 1985, La Voz destaca o potencial do marisqueo na nosa Ría, entrevistando ao patrón maior de Noia, Rodrigo Molinos, e a representantes da asociación ecoloxista ADEGA. Ambos coincidían xa naquela altura que a contaminación e a extracción de area eran os principais perigos para o futuro do marisqueo e a multiplicación dos empregos que este viría a xerar: La contaminación está producida, según ADEGA, por desagües de poblaciones, especialmente Noia; vertidos de fábricas de curtidos, residuos que arroja a la ría el río de las minas de San Finx, y el basurero de Testal.

Esta situación insostible fai que, ao pouco, en 1987, a Fiscalía da Audiencia Territorial da Coruña, inicie as dilixencias por presunto delito ecolóxico, máis tarde trasladadas aos Xulgados de Noia, e que son finalmente arquivadas polo peche da explotación en 1990. Non obstante, os informes da policía xudicial e diversos organismos que acompañan as referidas dilixencias deixan en evidencia a magnitude do problema no momento do peche da mina e que continuaría latente ata a actualidade.

Un pobo que esquece a súa historia está condenado a repetí-la. A nosa Ría nin esquece nin pode esquecer a súa historia, nin permitir que os legados máis negativos desta enterren o seu futuro.

Bruxelas abre unha investigación formal sobre a Mina de San Fins

O Parlamento Europeo, por medio da súa Comisión de Peticións, vén de de iniciar unha investigación formal sobre a situación existente nas Minas de San Fins, particularmente pola posta en andamento dun proxecto de explotación que non foi sometido a avaliación de impacto ambiental e que supón o abandono de dúas presas mineiras de colas que implican “un elevado risco de contaminación”. A investigación iniciouse a partir dunha petición da Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo que foi admitida a trámite o pasado mes de xuño e que esta semana se acaba de facer pública.

O Parlamento Europeo solicitou tamén á Comisión Europea que leve a cabo unha investigación preliminar sobre os distintos aspectos do problema e remitiu do mesmo xeito a cuestión á Comisión de Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria para a súa información. A partir desta semana, calquera persoa ou entidade se pode personar no procedemento, através do portal de peticións do Parlamento Europeo, sendo necesario rexistrarse antes (o proceso non leva máis do que un par de minutos en total).

Desde Vida e Ría convídase a todas as persoas que queiran coñecer a situación existente a que se personen na “Petición 0059/2017, sobre una mina de wolframio de Lousame, en Galicia”, e que deste xeito poderán recibir información puntual sobre o proceso de investigación aberto. Para iso é necesario rexistrarse primeiro como usuario no Portal de Peticións, confirmar o rexistro abrindo o correo electrónico de confirmación e adherir á Petición 0059/2017.

Desde Vida e Ría destácase tamén o traballo realizado pola eurodeputada Lidia Senra así como por Ana Miranda, que teñen presentado xa oito preguntas no Parlamento Europeo sobre a situación nas Minas de San Fins e os riscos sobre a Ría, contribuído para que nas institucións europeas exista interese por velar polo cumprimento riguroso da normativa comunitaria neste caso.