Unanimidade na Deputación da Coruña sobre o problema ambiental das Minas de San Fins

O pleno da Deputación da Coruña do 30 de xuño de 2017 aprobou por unanimidade, cos votos favorables de todos os grupos provinciais de PP, PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños, unha Moción conxunta na Deputación da Coruña dos Grupos Provinciais de Marea Atlántica e Compostela Aberta sobre o Impacto Ambiental das Minas de San Fins, en Lousame. A moción foi presentada a instancias de Vida e Ría polos deputados provinciais Manuel Dios Diz e Daniel Díaz Grandío, despois dunha reunión celebrada en Noia o pasado 14 de xuño.

Despois de que se rexistrara a proposición o pasado día 27 de xullo, o Grupo Provincial do Partido Popular, a través do deputado provincial Agustín Hernández, realizou unha enmenda de substitución, que finalmente foi aceptada por todos os grupos. En relación ás presas mineiras, o portavoz do Partido Popular expresou que xa existe un risco asociado a estas pola súa antigüidade, o que xustifica a proposta de enmenda do seu grupo solicitando unha avaliación do estado das presas mineiras á Xunta de Galicia co obxecto de garantir a seguranza e cumprimento da normativa.

A portavoz do BNG, Ánxela Franco, manifestou o seu apoio ao acordo, aínda que destacando que a enmenda do Partido Popular “baixa o listón” das esixencias que foras acordadas nas mocións aprobadas en novembro de 2016 nos plenos de Muros e Noia, neste último case tamén por unanimidade. Reclamou á Xunta que, posto que este proxecto mineiro se presenta como “minaría do século XXI”, o sistema de tratamento a adoptar tamén precisa ser “do século XXI”, incorporando as esixencias e coñecementos científicos deste momento. Ánxela Franco aproveitou para lembrar o risco que supón a situación de abandono doutras vellas explotacións mineiras, como as de Boiro ou Porto do Son, e a inactividade da Xunta ao respecto.

Con estas intervencións, o acordo final foi adoptado por unanimidade nos seguintes termos:

  1. A Deputación da Coruña demandará da Xunta de Galicia, en concreto da Administración Hidráulica Galega, que na tramitación do expediente de autorización de valeirado do oco mineiro das minas de San Fins se garantan todas as medidas de control e de seguridade que permita a preservación das condicións medioambientais do dominio público hidráulico, así como a calidade das augas da ría de Muros-Noia, evitando calquera contaminación ou afección directa ou indirecta á calidade das augas.
  2. A Deputación da Coruña solicitará da Xunta de Galicia, en concreto á Consellería de Economía e Emprego a aplicación das medidas necesarias para garantir que a explotación mineira de San Fins se realice sen afectar a contorna, nin producir efectos negativos sobre o medio ambiente.
  3. A Deputación da Coruña solicitará á Xunta de Galicia a realización dunha avaliación da situación das presas mineiras existentes na explotación de San Fins co obxecto de garantir a súa seguridade, así como o cumprimento da normativa medioambiental.

Exposición de Motivos

A Deputación da Coruña recoñece a importancia histórica das Minas de San Finx, con máis de 100 anos de historia, como parte do patrimonio industrial da provincia. O patrimonio industrial axuda ás sociedades actuais a entender o seu pasado, pero tamén a comprender mellor prácticas que hoxe son rexeitadas de xeito unánime, tanto pola sociedade como polo marco xurídico, particularmente desde o punto de vista do medio ambiente, dos dereitos laborais e do respecto pola memoria histórica.

Dentro do patrimonio industrial, o patrimonio mineiro deixa sempre un legado ambivalente, de avances en algúns campos, pero tamén de fondas feridas nos ecosistemas e moitas veces na saúde das poboacións afectadas. Particularmente a minaría subterránea, deixa en todas as explotación de algunha importancia o problema do tratamento das augas ácidas de mina, con altas concentracións de metais pesados que, nalguns casos, como o cadmio, son extremadamente perigosos. A falta de conciencia ambiental fixo que, ao seu peche, explotacións deste tipo deixaran sen resolver o problema continuado no tempo que representan estas drenaxes ácidas.

A responsabilidade para non perpetuar as más prácticas mineiras do pasado implica desde logo a empresas e administracións, pero tamén á sociedade, que precisa estar consciente e alerta sobre os riscos asociados ás industrias extractivas. A educación ambiental é un importante instrumento neste sentido, e tamén o patrimonio industrial se presta a mostrar os erros do pasado para que non se repitan no futuro. No caso das Minas de San Finx, cuxa actividade se paralizara xa en 1990 e que agora pretende reiniciarse, é necesario garantir, como en todos os casos nos que se retomen antigas explotacións, que os proxectos se axustan aos parámetros legais e ambientais do presente, asumindo igualmente as responsabilidades de restauración sobre a situación herdada.

As dúbidas sobre o proxecto de San Finx fixeron que concellos como o de Noia e o de Muros aprobaran mocións de oposición á autorización de verteduras de augas residuais industriais en novembro de 2016 e que, semanas despois, as catro confradías da ría e diversas asociacións, organizacións profesionais e institucións públicas presentaran alegacións contra o proxecto proposto pola empresa concesionaria. Ao problema das verteduras de augas de mina, e particularmente ao seu tratamento, súmase a existencia de dúas presas mineiras no cauce fluvial, colmatadas de centenas de millares de metros cúbicos de residuos mineiros. O acontecido fai poucos anos coas balsas mineiras de Monte Neme fai que sexa necesario extremar as precaucións para que un desastre desas características non volte a producirse na nosa provincia, precisamente no corazón da producción mariqueira da provincia.

De feito, o pasado mes de marzo, pese á negativa da empresa a admitir os vertidos e as denuncias que presentou contra a asociación ADEGA por teren realizado tomas de mostras de auga, o organismo autónomo dependente da Xunta, Augas de Galicia, abriu un expediente que confirmaba non só a contaminación do rego de San Fins -afluente do río Vilacoba que, á súa vez, desauga na Ría de Noia-, senón que a presenza dalgúns metais pesados como o cadmio multiplican por 28 os máximos permitidos polas normas de calidade ambiental. Os límites legais de cadmio, cobre e zinc supéranse mesmo

Os problemas expostos e a preocupación social existente non só nos concellos directamente afectados, senón que tamén en toda a comarca e mesmo a nivel galego e internacional, xustifican o interese da Deputación da Coruña por esta cuestión, e que esta preste todo o seu apoio aos colectivos profesionais, asociacións e concellos directa ou indirectamente afectados.

A Deputación da Coruña leva a pleno unha moción sobre o impacto ambiental das Minas de San Finx

Os deputados provinciais Manuel Dios Diz e Daniel Díaz Grandío, portavoces dos Grupos Provinciais de Compostela Aberta e da Marea Atlántica, rexistraron o 27 de xullo unha Moción conxunta na Deputación da Coruña dos Grupos Provinciais de Marea Atlántica e Compostela Aberta sobre o Impacto Ambiental das Minas de San Fins, en Lousame. A proposta,que será debatida no Pleno da Deputación Provincial o vindeiro venres 30 de xuño, insta ao ente provincial a sumarse ás mocións xa aprobadas polos concellos de Muros e Noia, rexeitando a solicitude da empresa concesionaria para verter as augas residuais da explotación.

Na iniciativa, os dous grupos provinciais lembran que o pasado mes de xaneiro a asociación ADEGA foi denunciada por ter tomado mostras de augas no entorno da mina, con resultados que foron ao pouco confirmados por análises oficiais de Augas de Galicia, que detectaron nesas augas a presenza de metais pesados, como o cadmio, en cantidades que multiplicaban por 28 os máximos legais admitidos.

Tamén lembran a rotura dunha balsa mineira, hai escasos anos, no Monte Neme (Carballo), e o risco que suporía para a saúde humana e a produción marisqueira da ría de Noia un accidente destas características en San Fins. De feito, as catro confrarías da ría e diversas asociacións, organizacións profesionais e institucións públicas presentaron alegacións contra o proxecto de verteduras presentado pola empresa concesionaria.

De aprobarse a moción, a Deputación Provincial solicitará á Xunta un informe sobre a ausencia de trámite de avaliación de impacto ambiental das minas de San Fins, e sobre os antecedentes de verteduras de augas ácidas ao dominio público hidráulico en relación ás presas mineiras da explotación.

A presentación desta iniciativa, promovida pola campaña «Vida e Ría ou Minería?», responde a unha demanda transmitida por representantes de diversas entidades integradas na mesma ao voceiro provincial de Compostela Aberta, Manuel Dios, durante unha xuntanza mantida en Noia o pasado 14 de xuño, na cal se trataron diversos temas de índole provincial que afectan aos concellos da comarca.

O Goberno de Madrid desenténdese da situación en San Finx

Na resposta do Goberno central á Pregunta do Grupo Parlamentario de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea no Congreso dos Deputados sobre a falta de Estudo de Impacto Ambiental na explotación da mina de San Fins, en Lousame (A Coruña), formulada o 23 de febreiro de 2017 pola deputada Alexandra Fernández Gómez, o executivo de Madrid optou por desentenderse da situación das Minas de San Finx, alegando a transferencia de competencias á administración autonómica.

Non obstante, a pregunta cuestionaba os motivos para que o Goberno de Madrid tivese entregado cuatiosas subvencións e axudas, incluíndo varias recentes, a un proxecto que carece de estudo de impacto ambiental e que pretende non asumir as súas responsabilidades ambientais sobre os espazos degradados pola actividade mineira. O goberno central é tamén responsable pola xestión do  Inventario Nacional de Depósitos de Lodos, no que non se están a considerar as presas existentes nas Minas de San Finx.

Ante esta resposta, desde o Grupo Parlamentario de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea no Congreso dos Deputados van formular unha nova solicitude de información atendendo aos feitos que veñen denunciando varios dos colectivos participantes en Vida e Ría.

Vida e Ría pide solucións para San Fins no día mundial do medio ambiente

No día mundial do medio ambiente, que se celebra cada ano o 5 de xuño, e que desta volta coincide co primeiro mes de vida da campaña Vida e Ría ou Minaría?, as entidades e persoas involucradas na iniciativa esixen solucións urxentes para os graves problemas ambientais asociados coa Mina de San Finx en Lousame, particularmente: 1) a construción dunha planta de tratamento activo de drenaxes ácidas de mina, que acabe co problema da contaminación por metais pesados; 2) a restauración do espazo afectado polas presas mineiras, en particular a maior, de modo que deixe de ser unha ameaza para toda a Ría; 3) que o conxunto dos proxectos da Mina de San Finx sexan sometidos a avaliación de impacto ambiental, como esixe a lexislación.

Aproveitando a efeméride, desde Vida e Ría pídese responsabilidade ás diversas administracións públicas implicadas, e que tanto no día de hoxe como nos 365 días do ano deben velar polo interese xeral, o medio ambiente, a saúde pública e o modo de vida de millares de familias de toda a ría que depende directamente da calidade das augas que bañan a comarca. Por isso, anúnciase que esta é unha campaña que nace para quedar, conscientes de que a Mina de San Finx, a pesar da gravidade e especiais características dos riscos ambientais que entraña, é unha máis das ameazas que se cernen sobre o delicado equilibrio ambiental da ría.

Vida e Ría instala posto informativo na II Feira do Medioambiente

Vida e Ría uniuse este domingo, 4 de xuño, ás actividades da II Feira do Medioambiente organizada no Paseo dos Poetas da Alameda de Noia. Aproveitando esta concurrida convocatoria, a campaña instalou unha mesa informativa desde a que se repartiron varios centos de e dípticos recollendo ademais numerosas asinaturas esixindo solución para o risco que supoñen as presas mineiras e drenaxes con metais pesados da Mina de San Finx. Tanto o díptico como follas de asinaturas están disponibles na web da campaña.

Durante a xornada de mañá, que continuou pola tarde, xente de Noia e doutros puntos da comarca achegáronse ao posto de Vida e Ría para coñecer máis detalles sobre a problemática, e tamén para proporcionar novas informacións, como por exemplo á afección en Noia e Lousame da chamada “catástrofe de 1960”, ano no que rebendou a maior das presas mineiras, levando río abaixo grandes cantidades de residuos mineiros contaminados.

Durante a feira tamén se presentaron as camisolas que vén de lanzar a campaña Vida e Ría e que pretender dar maior difusión á mesma e axudar a sufragar os gastos de materiais informativos. Podes encargar a túa no formulario da páxina Participa!

Vida e Ría reúnese cos grupos políticos de Porto do Son

Continuando as reunións coas distintas corporacións municipais da comarca, na tarde do sábado 3 de xuño os grupos municipais do Concello de Porto do Son recibiron a representantes de Vida e Ría para coñecer de primeira man as súas demandas en relación á problemática ambiental das Minas de San Finx.  Participaron na reunión Josefa María Hermo García, concelleira do PSdG-PSOE, Anxela Franco Pouso e Xoán Xosé León Martínez, concelleiros do BNG, e Asunción Torres Parada e José Angel Lorenzo Vila, concelleiros de Portodos. Desde o grupo de goberno do PP disculpouse a ausencia e procurarase manter unha reunión co Alcalde en datas próximas.

Todos eles se mostraron preocupados polo posíbel impacto da actividade da Mina de San Finx sobre a ría, e por extensión dos principais motores económicos da comarca, e coindiron en promover un acordo do pleno municipal similar aos xa aprobados en Noia, por unanimidade, e en Muros. Ademais de ratificar o apoio dos seus grupos políticos á campaña Vida e Ría, todas as concelleiras e concelleiros aproveitaron para asinar a título individual no modelo de recollida de asinaturas que se está a divulgar por toda a comarca.