A Federación Ecoloxista Galega aproba Resolución de apoio a Vida e Ría

A Federación Ecoloxista Galega vén de aprobar na súa última Asamblea unha Resolución de apoio á campaña, accións e obxectivos de Vida e Ría. A Federación Ecoloxista Galega (FEG) é a principal federación ecoloxista de ámbito galego, actualmente formada por 16 asociacións, a maioría das asociacións ecoloxistas activas de Galicia.

Un dos obxectivos da FEG é debater, pór en común e desenvolver tanto pronunciamentos públicos como campañas sobre os principais temas ambientais nos que estean interesados varios grupos. Varios coletivos xa adheridos á campaña Vida e Ría, dentre eles ADEGA e Verdegaia, están integradas na Federación Ecoloxista Galega.

A Valedora do Pobo investiga a situación das Minas de San Finx

A Valedora do Pobo comunicou este 29 de maio á Asociación Petón do Lobo, integrada na campaña Vida e Ría ou Minaría? que mantén aberto un expediente de investigación sobre a actuación das diversas administracións públicas con competencias sobre a situación nas Minas de San Finx. O informe da Valedora do Pobo sinala que Augas de Galicia requeriu o pasado 18 de novembro de 2016 a Tungsten San Finx S.L., empresa titular das concesións, “para que, á vista do estado da presa existente no cauce do rego de Rabaceiras, procedera a realizar os traballos necesarios para garantir a seguridade da presa e que solicitara a clasificación e rexistro da mesma”.

Desde aquela data a Valedora do Pobo non recibiu máis informes, de modo que ven de dirixirse novamente ás administracións competentes “co fin de requerir que con urxencia se facilite aclaración sobre os extremos mencionados”, particularmente sobre as verteduras continuadas e sobre o requerimento para garantir a seguridade da presa. A mesma comunicación da Valedora do Pobo fai referencia a unha inspección do mes de febreiro realizada por Augas de Galicia segundo a cal se constanta que “produciríase un aumento nos resultados augas abaixo dos parámetros de Cadmio, Cobre e Zinc que superarían as normas de calidade ambiental do valor medio anual”.

Un informe do Parlamento Europeo pide aos gobernos mellorar a seguridade das presas mineiras

Tras unha aplastante votación con 566 votos a favor e só 8 votos en contra, o Parlamento Europeo emitiu o 27 de abril de 2017 unha resolución sobre a implementación da Directiva de Residuos Mineiros (2006/21/EC) que se adoptou fai sete anos como consecuencia do tráxico accidente da presa de Baia Mare, en Romanía, que provocou o derrame de 100.000 metros cúbicos de augas e lodos contaminandos. O Informe “destaca a importancia de obter información sobre a situación das balsas de residuos existentes” e “pide aos Estados membros que melloren a seguridade das presas con obxecto de protexer a saúde humana e o medio ambiente“.

Frente a este importante posicionamento político do Parlamento Europeo, chama a atención a inacción das autoridades galegas ante o absoluto estado de abandono e grado de deterioro das dúas presas mineiras da Mina de San Finx, das que a empresa pretende non facerse cargo. Cómpre lembrar que as presas mineiras xa foron obxecto de varias preguntas no Parlamento Europeo, particularmente unha pregunta da Deputada Lidia Senra no Parlamento Europeo sobre os depósitos das Minas de San Finx, Lousame (de 30 de maio de 2016) e outra pregunta do Deputado Josu Juaristi Abaunz no Parlamento Europeo relativa ao grave problema ambiental decorrente das descargas de metais pesados das Minas de San Fins (Lousame, Galiza) (de 18 de novembro de 2016).

Novo reparto informativo da campaña Vida e Ría

Este domingo, 28 de maio, reanudáronse nas rúas de Noia a mesa e repartos informativos, aproveitando o tradicional día de feira. Na mesa informativa repartíronse durante a mañá case medio millar de dípticos e recolléronse outras tantas asinaturas esixindo solución para o risco que supoñen as presas mineiras e drenaxes con metais pesados da Mina de San Finx. Tanto o díptico como follas de asinaturas pódense descargar desde a páxina web de Vida e Ría e tamén te podes por en contacto con Vida e Ría para que che fagamos chegar dípticos e follas de asinaturas, ou para organizar unha charla informativa na túa asociación ou lugar.

Vida e Ría pretende entregar as xa máis de 1.000 asinaturas no fin do próximo mes, nun procedemento no que xa se levan personadas ducias de persoas e organizacións de toda a comarca. Varios estabelecementos comerciais comprometéronse ademais a facilitar puntos de recolla de asinaturas, que serán anunciados nesta web e nas redes sociais en breve para que toda a xente que queira poida sumar o seu apoio á campaña.

Os grupos municipais do Concello de Outes reúnense a Vida e Ría

Na tarde de hoxe, 26 de maio, os grupos municipais do Concello de Outes recibiron a representantes de Vida e Ría para coñecer os problemas que está a divulgar a campaña. Participaron na reunión Manuel González López e Daniel Rodríguez Gándara, concelleiros de Compromiso por Outes, e Julio Fernández López, concelleiro do PSdG-PSOE, así como Anxo Núñez Fernández, representante do BNG de Outes, mentres que se procurará manter unha reunión coa alcaldesa Beatriz Molinos Vidal en datas próximas.

Todos eles se mostraron preocupados polo posíbel impacto da actividade da Mina de San Finx sobre a ría, e por extensión dos principais motores económicos da comarca, e coindiron en promover un acordo do pleno municipal similar aos xa aprobados en Noia, por unanimidade, e en Muros. Os grupos personaranse ademais no procedemento de solicitude de autorización de verteduras e seguirán atentamente o desenvolvemento do mesmo.

A rede internacional Yes to Life No to Mining apoia Vida e Ría

A rede internacional Yes to Life No to Mining vén de dar o seu apoio formal á campaña de Vida e Ría comprometéndose a divulgar a problemática ambiental asociada ás Minas de San Finx no exterior. En particular, as máis de 60 organizacións que integran a rede dirixirán peticións tanto aos compradores do volframio e estaño procedente de Lousame, como aos potenciais inversores, para que presionen á empresa a asumir a súa responsabilidade sobre as presas mineiras e o tratamento das drenaxes ácidas de mina.

O grupo australiano Australian Earth Laws Alliance, integrante da rede, xa tiña contactado co fondo de inversión australiano Macquire Capital, que anunciou que retiraba o seu apoio ao proxecto mineiro de Sacyr en San Finx. A actuación centrarase agora nos compradores a través dunha campaña a nivel europeo. Para iso, Yes to Life No to Mining editará e divulgará un detallado informe sobre os aspectos máis problemáticos da explotación, que será remitido ás institucións europeas e internacionais, aos organismos sectoriais mineiros e ás maiores empresas comercializadoras e consumidoras de volframio e estaño.

O informe é fruto dunha visita de inspección realizada no pasado mes de marzo por parte dun comité internacional de expertos en minaría e medio ambiente procedentes de Australia, Finlandia, Reino Unido, Filipinas, Nova Zelandia, Nixeria e Colombia. Integraban o comité a Doutora Michelle Malone, xurista ambiental e coordenadora da Australian Earth Laws Alliance (Australia), a activista ambiental Natalie Lowrey de Deep See Mining Campaign (Nova Zelandia), o antropólogo Hannibal Rhoades, da Fundación Gaia de Londres (Reino Unido), a divulgadora ambiental Juliana Thornton, da Universidade de Witwatersrand (Sudáfrica), o biólogo Chris Madine, da Universidade de Newcastle (Reino Unido), o activista Clemente Bautista, coordinador nacional da rede ambiental Kalikasan (Filipinas), o divulgador ambiental Wale Obayanju, da Fundación HOMEF (Nixeria), e a antropóloga e bióloga Mariana Gómez, da Fundación Gaia Amazonas (Colombia).

O Partido Popular recibe a Vida e Ría no Parlamento de Galicia

Unha delegación de Vida e Ría foi recibida hoxe, 23 de maio, polo Grupo Parlamentar do Partido Popular de Galicia no Parlamento. Os deputados Carlos López Crespo, portavoz na comisión de Pesca e Marisqueo, e Gonzalo Trenor escoitaron atentamente as demandas de Vida e Ría e trasladarán ao Goberno a necesidade de aplicar estrictamente a lexislación ambiental na tramitación da autorización de verteduras en curso. Tamén se comprometeron a recabar información xunto co Director de Augas de Galicia en relación ao problema das dúas presas mineiras.

Desde e Vida e Ría lembrouse que tamén o Partido Popular de Noia votou a favor do Acordo da sesión ordinaria do Pleno da Corporación de Noia de 29 de novembro de 2016 de oposición á autorización de vertedura de augas residuais industriais solicitada por Tungsten San Finx S.L., e que a actual campaña busca informar e sensibilizar á cidadanía atendendo a esa postura unánime en defensa da Ría e da saúde das persoas na zona afectada.

Vida e Ría reúnese co BNG en Noia

Na mañá do 22 de maio Vida e Ría mantivo o terceiro dos seus encontros cos grupos do Parlamento de Galicia, xuntándose en Noia co Deputado Xosé Luís Rivas Cruz “Mini” e coa Deputada Provincial María Ánxela Franco Pouso. O encontro serviu para intercambiar información ao respecto, unha vez que o BNG xa realizara diversas preguntas parlamentares en Compostela e Bruxelas a este respecto, e estratexias para facilitar a divulgación e sensibilización social sobre a problemática ambiental asociada á explotación.

Xosé Luís Rivas fora precisamente o Deputado que en xaneiro deste ano formulara ante o Director de Augas de Galicia unha Pregunta do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego sobre os datos referidos ás inspeccións realizadas pola Xunta de Galicia nos últimos catro anos na mina de San Finx e, en particular, na balsa de lodos tóxicos existente nas súas inmediacións, así como as medidas adoptadas para garantir o cumprimento da normativa vixente en materia ambiental e mineira.

O BNG lamentou que o proxecto de explotación que está a executar Sacyr en San Finx non responde ás esixencias e prácticas ambientais do que se podería esperar da minaría no século XXI, quedando estancada nas de épocas pasadas. Destacouse que o cumprimento destas esixencias implicarán a creación de empregos a longo prazo (por exemplo, cunha planta de tratamento activo de drenaxes ácidas, cuxa actividade continuará décadas despois do peche da mina), frente aos 10 anos de explotación que contempla Sacyr nunha lóxica puramente extractivista e neocolonial.

A Rede ContraMINAcción respalda a campaña Vida e Ría

Nunha reunión celebrada o domingo 21 de maio na sede do Sindicato Labrego Galego en Santiago de Compostela, os colectivos de ContraMINAcción, Rede contra a minaría destrutiva na Galiza deron o seu respaldo á campaña Vida e Ría ou Minaría? e estabeleceron estratexias concretas para axudar a difundir e internacionalizar a cuestión, particularmente coa rede Yes to Life, No to Mining, da que forman parte e que xa realizou unha visita de verificación ás Minas de San Finx o pasado mes de marzo.

Os colectivos integrantes de ContraMINAcción, varios deles xa personados directamente en diversos procedementos relacionados coas Minas de San Finx, comprometéronse a traballar ombreiro con ombreiro xunto coas entidades locais e comarcais da Ría, e a facilitar apoios adicionais, particularmente a nivel técnico (cun equipo de enxeñeiros de minas especializado en impactos ambientais), legal (colocando a disposición da campaña os advogados de varios dos colectivos) e de financiamento (de modo a poder soster as accións da campaña no tempo).

Tres anos de impunidade desde o desastre das balsas mineiras de Monte Neme

O 10 de febreiro de 2014 produciuse a rotura dunha das balsas da mina de estaño e wolframio de Monte Neme, entre os concellos de Carballo e Malpica. Máis de 24.000 metros cúbicos de augas ácidas de mina altamente contaminadas con metais pesados, asulagaron prados, vías públicas e varios cauces fluviais que levaron os residuos mineiros ás praias de Bergantiños. A titular das concesións mineiras, Leitosa SA, apresurou a súa disolución, mentres que as negociacións coa aseguradora AXA non deron resultado.

Esta mesma semana o Concello de Carballo anunciou que iría optar por unha demanda xudicial para reclamar a indemnización polos danos causados polo desastre (das que se tivo que facer cargo o concello), e que se suman aos procesos xudiciais empreendidos polo Concello de Malpica e Xunta de Galicia. Mentres tanto, continúa sen executarse o plan de restauración aprobado, deixando en  evidencia a impunidade ambiental das empresas mineiras.

Ao igual que Incremento Grupo Inversor, titular da mina de San Finx entre 2008 e 2015, que recibiu case 2 millóns de euros en axudas públicas, Leitosa recibiu entre 2003 e 2004, e novamente entre 2008 e 2010 cuantiosas axudas. Leitosa chegou a ter como administrador a Vicente Cotino, sobriño do ex-presidente das Cortes Valencianas Francisco Cotino, imputado na trama Gürtel en relación co financiamento irregular do PP en Valencia.

O legado do desastre ambiental das Minas de Monte Neme de 2014 deixa en evidencia os riscos que representan as presas e balsas mineiras de San Finx, que acumulan máis dun millón de metros cúbicos de residuos mineiros, frente os 24.000 de Monte Neme. Ademais, no caso de San Finx, a actual empresa concesionaria pretende desentenderse das presas mineiras, á vista do seu importante grado de deterioro (que recoñeceu a propia filial de Sacyr) e risco de provocar unha catástrofe ambiental de dimensións moi superiores ás de Monte Neme.