PSdG-PSOE presenta Proposición non de lei no Parlamento galego sobre o problema da mina de San Fins

O Boletín Oficial do Parlamento de Galicia do 19 de abril de 2017 recolle a Proposición non de lei do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia sobre a adopción pola Xunta de Galicia das medidas destinadas a obrigar a empresa mineira Tungsten San Finx, S. L. a desenvolver a súa actividade respectando as normas de calidade ambiental e de protección da ría de Noia, presentada polas deputadas Patricia Vilán Lorenzo, María Dolores Toja Suárez, Raúl Fernández Fernández, María Luisa Pierres López e Xoaquín Fernández Leiceaga.

A proposición non de lei alerta sobre as “altas concentracións de metais pesados e tóxicos” no río San Fins e o risco de afectación aos bancos marisqueiros da ría de Noia. O texto insta á Xunta de Galicia a que obrigue á empresa mineira  “a desenvolver a súa actividade mineira respectando as normas de calidade e do medio ambiente” e a “tomar as medidas necesarias para que se acade a protección da ría de Noia, incluso chegando á denegación do permiso de vertedura de augas á empresa mineira Tungsten San Finx S.L, coa fin de protexer medioambientalmente a ría.”

«Berberechos en pie de guerra», unha reportaxe de Diario Vice

Dani Campos e a equipa de xornalismo de investigación de Diario Vice botaron uns días pola ría en febreiro para coñecer de primeira man os riscos e impacto da actividade da Mina de San Fins sobre a economía e ecosistemas da comarca. A reportaxe de 8 minutos estreouse o 29 de marzo no episodio 42 do Diario Vice, emitido no canal #0 de Movistar+. Na reportaxe entrevístase a múltiples voces que ofrecen a súa visión particular deste problema.